Sunday 12 de May de 2024

Douscentos nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos participan nunha representación teatral a prol da igualdade e contra a violencia de xénero


Ghazafelhos puxo en escena “O país dos mandóns”, que explica que homes e mulleres teñen os mesmos dereitos

Douscentos nenos e nenas, de entre 4 e 7 anos, do CEIP Pedrouzos asistiron a un pase especial da obra “O país dos mandóns”, da compañía de teatro Ghazafelhos. Unha actividade organizada polo Concello de Brión para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro.

“O país dos mandóns”, escrita por Paloma Rodríguez e Cristina Justo, foi representada pola compañía de teatro Ghazafelhos como parte da colección “Contos pola igualdade”. Conta como unha sociedade patriarcal coarta a liberdade das mulleres e das nenas. Cunha linguaxe moi sinxela e con imaxes con moita carga simbólica, Ghazafelhos explica como as mulleres e os homes teñen os mesmos dereitos e os convida a sentirse iguais dende as súas propias diferenzas, polo que está especialmente recomendaba para nenos e nenas de educación infantil.

Actividade para todos os públicos

Ademais desta actividade dirixida aos nenos e nenas do colexio, o Concello de Brión organiza tamén unha iniciativa conmemorativa do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Neste caso será o grupo de teatro afeccionado de Brión, Trangalleiro Teatro, quen representará a súa peza “Entre mulleres e homes”. Unha actuación que terá lugar o sábado 29 de novembro, ás 19:00 horas, no centro social polivalente de Pedrouzos. A entrada é libre e de balde.